Elección Histórica da Costa da Morte: Vimianzo
- Antón Mouzo Lavandeira (41.0%, 20 Votes)
- Evaristo Martelo Paumán (31.0%, 15 Votes)
- Perfecto López (29.0%, 14 Votes)
Un día máis continuamos coñecendo eses pedazos da nosa historia a través dos nomes. A iniciativa didáctica da Elección Histórica da Costa da Morte, artellada entre corcubion.com e quepasanacosta.com, continúa coñecendo da man do mellor equipo de especialistas colaboradores aos personaxes máis importantes da historia da Costa da Morte.
Estes son os persoeiros que un atentísimo Xosé María Rei Lema nos enviou sobre o concello de Vimianzo. Xosé Mª, de primeiras, tiña intención de elixir 4 persoeiros, pois entre había dúbidas entre Juan Ferreira e Evaristo Martelo. O primeiro, nado no concello vimiancés pero pouco involucrado no desenvolvemento do mesmo; mentres que o segundo non naceu en Vimianzo pero todo o que fixo faino merecedor de estar aquí. A decisión estaba tomada.
Antón Mouzo Lavandeira
Este afamado pintor naceu en Vimianzo o 14 de maio de 1957. A súa sona comezou a finais da década dos oitenta cando obtén varios premios, aínda que xa levaba expoñendo dende mediados da década anterior. As súas creacións foron expostas maioritariamente na Coruña, Santiago e Vigo (só unha vez en Vimianzo), mais tamén noutras cidades europeas (Madrid, Málaga, Lisboa, Lorient…) e americanas (Nova York, Miami, Bogotá, Caracas…).
Agora mesmo pode verse unha exposición antolóxica da súa obra no Auditorio de Galicia santiagués. Moita desta obra está espallada en museos e institucións como a Biblioteca Nacional de Madrid, a Universidade de Santiago, o Museo de Arte Contemporánea de Santiago, o Museo de Belas Artes da Coruña, o Museo Carlos Maside de Sada, a Deputación da Coruña, ou nos colexios de Muxía, Zas e Corme, entre outros lugares. Fixo ilustracións para moitos libros, entre eles o Costa da Morte Blues de Rivas, o Alaridos de Lino Braxe ou o Imán Fisterra de Rei Núñez; e tamén para revistas culturais (fundamentalmente Luzes de Galiza); e mesmo colaborou con cadros e esculturas na película Finisterre de Xavier Villaverde.
Antón Mouzo falecería inesperadamente na Coruña en xullo de 2007.
Perfecto López
Naceu na Toxa-Vimianzo o 12 de maio de 1904. De familia tremendamente pobre, traballou de neno recollendo pinas ou carbón, ata que con 18 anos decide emigrar á Arxentina. Alí traballará de chofer e logo de xuntar uns cartiños decide regresar á Coruña, pero deseguida volve a Buenos Aires. Nesta segunda estadía fará fortuna coa compra de terras e sobre todo no ramo da automoción (foron famosos os seus concesionarios Perfecto López & Cía.). Nas súas empresas traballaron moitos vimianceses, pois dáballes traballo a todos os seus veciños que chegaban á Arxentina mentres non atopasen outra ocupación. Perfecto foi coñecido en Vimianzo polo seu alcume, o Tato da Valiña, e cada vez que retornaba causaba admiración o seu flamante coche, “o haiga do Tato”.
Poucos sospeitaban aquí que o Tato desempeñaba un importante labor político contra o réxime franquista, sobre todo dende a chegada de Castelao a Buenos Aires en 1940. Perfecto formará parte do reducido grupo de persoas de confianza do rianxeiro. Este grupo financiaba a estadía de Castelao e da súa muller na Arxentina, e tamén as institucións que creou: o Consello de Galiza (especie de goberno galego no exilio) e a Irmandade Galega (co seu voceiro A Nosa Terra). Debido á amizade de Perfecto con Castelao –e tamén con outros deputados como Alonso Ríos ou Suárez Picallo- foi enviado en 1949 a Galicia para reunirse cos galeguistas do interior (o grupo Galaxia). De volta desta viaxe Perfecto, coñecedor do estado terminal de Castelao, levou terra galega para cubrir o corpo do rianxeiro. Despois desta entrevista cos galeguistas de Galaxia viñeron outras, das que naceu unha profunda amizade co seu líder, Ramón Piñeiro –a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas-. A máis famosa foi a de 1958, na que Piñeiro e demais membros de Galaxia expuxeron o seu ideario e a súa ruptura coas teses que se mantiñan desde o Consello de Galiza.
Á parte de colaborar con estas entidades políticas, Perfecto tamén participou en asociacións de emigrantes, desde as máis galeguistas, como o Centro Ourensán, Pontevedrés e Lucense, ata o Centro Galego. De todas elas foi socio vitalicio. Pero sen dúbida, a entidade que máis lle debe é a A.B.C. de Corcubión, da que foi directivo durante máis de trinta anos, moitos deles como presidente. Perfecto impulsou, revitalizou e colocou esta asociación entre as máis importantes da colectividade galega emigrada. Froito do seu compromiso foron as xestións para a compra da súa casa social da rúa Venezuela e do recreo social de Vicente López. Ademais foi vicepresidente do I Congreso da Emigración Galega (1956), considerado o maior evento celebrado nunca pola nosa emigración. Tamén foi presidente da Editorial Citania, que tiña como director literario a Luís Seoane, responsable de publicacións como A esmorga de Blanco Amor, entre outras.
Perfecto López morreu en Buenos Aires o 12 de setembro de 1970. Vémolo na imaxe xunto qa Ramón Piñeiro.
Evaristo Martelo Paumán
Aínda que nacido na Coruña o 25 de abril de 1853, este escritor e avogado viviu durante boa parte da súa vida no castelo de Vimianzo, tamén coñecido como as Torres de Martelo. Desde el asinaba moitas das súas composicións. Foi un dos máis recoñecidos escritores da denominada “Cova céltica” coruñesa, lugar onde se reunían os destacados intelectuais da cidade, entre eles Eduardo Pondal. Como poeta deixou publicados os seguintes libros: Os afillados do demo (1885), Líricas Gallegas (1894), Landras e bayas (1919) e Andeiro (1921).
Tamén deixou anunciada a publicación doutro titulado As toupas do Pindo, que afondaría no conflito lingüístico do galego (que comezara con Os afillados do demo), mais non se sabe nada del. A posta en valor do noso idioma foi unha das tarefas máis sobranceiras de Martelo durante a súa vida. Como ben dixo o catedrático Carballo Calero, Martelo “concebía o galego, máis que como unha lingua de labregos, como unha fala de reises; máis que como un dialecto popular, como un idioma histórico”. Nos últimos anos foi recuperada, que non publicada, unha obra inédita titulada As Torres de Aviño. Tamén deixou escritos algúns libros sobre leis e agricultura.
Evaristo Martelo tiña os títulos de Marqués de Almeiras e de Vizconde de Andeiro, e foi membro da Real Academia Galega (1921-1928). Morreu na cidade da Coruña o 31 de marzo de 1928.
Outros persoeiros
O mesmo Juan Ferreira é o primeiro candidato que hai que lembrar. Xa de paso facemos un percorrido pola súa vida. Naceu na Casa de Xora (Treos-Vimianzo) o 18 de agosto de 1803. Licénciase en Leis na Universidade de Santiago de Compostela, e traballa como avogado e como xuíz ata que comeza a súa carreira política. En 1844 foi nomeado gobernador civil de Lugo, e ese mesmo ano é elixido deputado en Cortes polas circunscricións da Coruña e de Pontevedra (escolle a primeira). O seu labor como deputado foi recordado polo moito empeño que puxo en que se lles devolvesen as posesións á Igrexa logo das desamortizacións de Mendizábal e de Madoz. Foi condecorado coa Cruz de Cabaleiro de Isabel a Católica (1834) e coa Cruz de Comendador de Isabel a Católica (1837) pola defensa que fixo do dereito ó trono da raíña Isabel II. Así mesmo, en 1846 vén dende Madrid ata Lugo para frear a sublevación progresista galega, tendo Ferreira unha decisiva intervención na derrota deste levantamento -que tería como punto final a batalla de Cacheiras e os famosos fusilamentos de Carral. Máis información: “A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte”, e da revista “Escenas Contemporáneas” de 1861.
Entre outros candidatos que podían figurar están o pintor Xurxo Martiño, natural de Caxadas-Cambeda; de Bamiro temos a Xosé Mª Lema Suárez, historiador, presidente do Seminario de Estudos Comarcais e autor de moitas obras sobre a nosa zona, ademais de ser colaborador desta casa e achegarnos os elixidos do concello de Laxe para esta singradura histórica.
Tamén cabe destacar ao escritor Alberto Lema; Carmen Neira Marcos, mestra durante moito tempo en Salto; desta parroquia tamén é José María Rivera Pomar, catedrático de Anatomía Patolóxica na Universidade do País Vasco; os actores Vicente de Souza e Martiño Rivas; ou o propio Manolo Rivas, que viviu e escribiu moitos anos en Urroa-Vimianzo.
Colaborador: Xosé María Rei Lema
Xosé María Rei Lema naceu en Bamiro-Vimianzo en 1972. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, traballa como asesor lingüístico en programas e series de televisión (Mareas Vivas, As leis de Celavella, A vida por diante, Padre Casares…). Na súa tarefa como investigador publicou os seguintes libros: Vocabulario de Soneira de Francisco Romero Lema (2000), Escritores da Costa da Morte (2000), Namorados da Costa da Morte (2001), As historias de Pepe de Xan Baña (2005), A feira de Baio. O mercado máis antigo da Terra de Soneira (2007, xunto con Xosé Mª Lema Suárez); ademais de artigos en revistas especializadas. Ten para publicar en breve o libro Pepe Collazo, o poeta de Baio na emigración americana e a obra colectiva A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte.
Tags: Antón Mouzo Lavandeira, Evaristo Martelo Paumán, Perfecto López
Maio 5th, 2009 at 4:23 pm
Comprobo con ledicia que nomeades a Dna. Carmen Neira Marcos, da que temos un grato recordo os veciños de Salto que tivemos a sorte de tela por mestra.