Concello de Fisterra

Cal é o persoeiro de Fisterra máis relevante na túa opinión?
  • Alejandro Campos Ramírez (Alejandro Finisterre) (50.0%, 50 Votes)
  • Celia Rivas (32.0%, 32 Votes)
  • Cipriano Fernández (19.0%, 19 Votes)
Total dos Votos: 101
Loading ... Loading ...

Continuamos con esta singradura histórica da Elección Histórica da Costa da Morte, artellada entre corcubion.com e quepasanacosta.com. Esta iniciativa didáctica que pretende recuperar pedazos da nosa historia para traelos aos días de hoxe a través da rede. Recuperalos a base de nomes, a base daquelas persoas que foron claves no desenvolvemento de cada concello.

En Fisterra contactamos con Xoán Silva Pazos, un rapaz de tan só 20 pero que os seus estudios, a súa formación e o seu amor pola historia e por Fisterra fano máis axeitado para esta laboura. Con todo, Xoán decidíu abrir unha enquisa a través da súa bitácora Promontorio Nerium. Tras un arduo debate na rede cos seus lectores, os finalistas son este que vos presenta o mesmo Xoán.

Alejandro Campos Ramírez, “Alejandro Finisterre”


Alejandro Campos naceu no ano 1919 en Fisterra, fillo do radiotelegrafista do faro, ainda que aos cinco anos trasladouse co seu pai á Coruña. A súa xuventude pasouna en Madrid onde, preto do poeta León Felipe, fixo as súas primeiras aproximacións ao mundo editorial.

No ano 36 estalou a Guerra Civil e, durante un bombardeo, quedou sepultado e ferido dunha perna. No hospital de Monserrat puido observar unha morea de nenos feridos que non podían xogar ao fútbol. Foi aí cando xurdíu na súa mente o invento que o faría famoso no mundo enteiro: o futbolín. Ao rematar a guerra tivo que tomar o camiño do exilio, coa mala sorte de perde-la patente do futbolín durante a longa viaxe. Unha vez en París, xuntou diñeiro para viaxar a Quito, onde editou varias publicacións. Logo desprazouse a Guatemala, onde comezou a fabricar o futbolín, co que conseguíu unha gran fortuna.Image

Cando o xeneral Castillo Armas dou un golpe de Estado neste país, foi secuestrado coa intención de ser entregado ao goberno franquista. Ademais, as autoridades guatemaltecas espropiaron todas as súas propiedades, polo que quedou literalmente sen un teito no que acubillarse. Durante o vo no que se dirixía a Madrid ameazou aos pilotos dicindo que tiña unha bomba e obrigando ó avión a aterrizar en Panamá. El gabábase de ter sido o primeiro secuestrador aéreo.

Logo deste incidente logrou chegar a México, onde se reuníu coa intelectualidade española no exilio, entre a cal se atopaba o seu gran amigo León Felipe. Alí foi onde se adicou con máis esmero á labor editorial, fundando a editorial Finisterre e imprimindo revistas e libros que a inteletualidade exiliada escribía de cotío. Foi, por iso, un dos máis importantes editores españois do exilio, traballo ao que se entregou con paixón. Mentres tanto, en España o futbolín conseguía unha enorme difusión e fama, gracias en parte ó interese dos emprendedores valencianos, que se propuxeron asignarse o mérito do invento.

Xa na Transición volveu a España, establecendo a súa residencia en Aranda del Duero, onde se adicou con máis forza que nunca á súa labor de creador literario, mentres era nomeado membro da Real Academia Galega. Á morte do seu amigo León Felipe tivo que trasladarse a Zamora para exercer as súas responsabilidades coma albacea do poeta leonés. Despois de protagonizar sonados desaires co Concello de Zamora pola xestión da Fundación León Felipe, Alejandro Campor Ramírez morreu o 9 de febreiro do 2007. As súas cinsas foron divididas e esparcidas, unha metade no curso do Douro ó seu paso pola cidade de Zamora, e a outra metade no Atlántico, aos pés do Faro de Fisterra, que o vira nacer 88 anos antes.

Este impresionante documento audiovisual foi rescatado da páxina do poeta fisterrán Modesto Fraga.

Cipriano FernándezImage

O señor Cipriano Fernández foi alcalde de Fisterra durante a época republicana pero tivo a mala sorte de morrer fusilado no verán do 36. Disque apareceu nunha cuneta de Ordes, coma tantas outras víctimas da represión franquista.

Era partidario de construir o peirao fisterrán en torno á baía da Ribeira, porto natural da vila durante toda a súa Historia. Semella que isto chocou cos intereses dalgunhas persoas que de inmediato o declararon un político “nom grato” e paralizaron a construcción do porto até ben entrada a dictadura. Ao final non se cumpriron os seus desexos e a dársena de abrigo construiuse no lugar onde fica hoxe.

Baixo a advocación da súa figura levouse a cabo, quizais por primeira vez na Historia, a unidade e actuación en conxunto de toda a intelectualidade fisterrana que, unida baixo a bandeira da Comisión para a Homenaxe a Cipriano Fernández, conseguiron que se comezara a aplicar a Lei de Memoria Histórica en Fisterra cun acto de homenaxe a este insigne fisterrán. Para iso organizáronse no 2007 unhas xornadas nas que participaron persoas da alta inteletualidade galega como Marcos Valcárcel, Xosé Luís Axeitos, Miro Villar ou Xesús Alonso Montero. Estas xornadas, organizadas na súa meirande parte polos líderes da comisión de homenaxe: Luís Lamela, Modesto Fraga e Xosé María Velay, contaron coa aprobación unánime da corporación municipal, en representación da cal acudiron o alcalde D. José Manuel Traba e outros membros destacados do Concello.

Celia RivasImage

Entre os fisterráns ilustres debemos contar tamén algunha muller. É o caso da señora Celia Rivas Casais, matriarca da familia coñecida hoxe como “As Lavancas”. Ela foi a primeira camioneira do Estado español. Herdou este oficio de seu pai, e conseguíu o carné xusto antes de comezar a Guerra Civil. O dispositivo de goberno franquista nas zonas ocupadas encargouse de expropiar tódolos camións para a guerra, pero Celia, nun acto de valor, conseguíu mante-lo seu vehículo a cambio de facer favores loxísticos ó exército franquista. Disque foi dese xeito como conseguíu o diñeiro suficiente para fundar logo a empresa que leva coma nome o seu apelido. Tiña fama de ser a mellor compradora da lonxa fisterrana, dotada dun sensible instinto para os negocios, o que fixo dela unha muller emprendedora ao longo da súa vida. Unha vida entregada en corpo e alma tivo que supoñer un desgaste que fixo que a súa vida fose ben corta: só 61 anos.

Todos estes datos podémolos atopar hoxe en día no fermoso libro-homenaxe publicado recentemente onde se profundiza na importancia da súa figura.

Outros persoeiros

Nomes como os de Francisco Esmorís Recamán, Don Juan Bueno Bueno, Desiderio Paz Figueroa, Vasco Pérez Mariño, Mateo Pérez Valdivieso foron incluidos na enquisa que realizo Xoán S. Pazos na súa bitácora.

Outros como Cura de Minons, Luciano Moreira Carracedo, Alexandre Campos ou Decimo Junio Bruto tamén foron prantexados polo internautas. De feito as interesantes aportacións de alcumes como Dalit ou Xan de Siso fan dos comentarios outra boa fonte de información.

Podedes ver aquí abaixo como quedou a enquisa final nesta gráfica que elabourou o propio Xoán cos datos das votacións dos seus interneutas. Ademais hai unha extensa análise de todos estes persoeiros da man Xoán S. Pazos e os seus lectores na súa bitácora Promontorio Nerium.

Image

Colaborador: Xoán Silva Pazos

ImageXoán naceu en Fisterra no ano 1988. Logo pasar polos e institutos Fin do Camiño de Fisterra e Fernando Blanco de Cee cursa 3º de Filoloxía Hispánica, centrando tamén a súa ctividade na literatura.

As súas investigacións aínda non foron pasadas ao papel, pero a rede xa pode dar conta dos resultados dos seus estudios. Pasade pola súa bitácora e dende os recentes traballos sobre a Semana Santa de Fisterra, sobre a Romanización da vila do Cristo ou sobre a Literatura en Fisterra dan para ler durante horas.