Concello de Cabana

Cal é o persoeiro de Cabana máis relevante na túa opinión?
  • Saturniño Cuiñas Lois (65.0%, 62 Votes)
  • María Baña Varela (21.0%, 20 Votes)
  • Manuel Lema Otero (14.0%, 13 Votes)
Total dos Votos: 95
Loading ... Loading ...

Un día máis continuamos coñecendo eses pedazos da nosa historia a través dos nomes. A iniciativa didáctica da Elección Histórica da Costa da Morte, artellada entre corcubion.com e quepasanacosta.com, continúa coñecendo da man do mellor equipo de especialistas colaboradores aos personaxes máis importantes da historia da Costa da Morte.

E quedamos no Concello de Cabana da man de Xosé María Varela. Estes son os elixidos:

Saturniño Cuiñas Lois

Image

Nace una parroquia pontevedresa de Carballedo (Cotobade) o 21 de decembro de 1897. Estudou no instituto de Pontevedra, logo no seminario de Santiago de Compostela e ordenouse sacerdote en 1922. Foi Capelán en Carballo, mais tarde en Abegondo e a partir de 1931 párroco na parroquia coruñesa de Cesullas (Cabana de Bergantiños)

Destacado musicólogo e folclorista, é relevante pola súa achega ó acervo musical galego. A súa memoria foi quen de arquivar numerosas cantigas e melodías dende a súa infancia nas altas terras de Cotobade, xunto con aqueloutras que recolleu polos lindes da Costa da Morte. Amais de tocar diversos iinstrumentos como a zanfona e a gaita, realizou un inxente labor de recopilación de temas musicais populares. Foi tamén moi significativo o seu traballo como investigador e difusor do cancioneiro popular galego, fundou e dirixiu coros parroquiais e estimulou o gusto da xente polos ritos e festas populares e a súa conservación, entre as que cabe destacala introfucción en Cesullas do denominado berro seco (conxunto de aturuxos recollidos no lugar do Loureiro, Abegondo), que el usou sempre n aromaría de San Fins, famosa entre outras razón poe este ritual, que consiste nun berro ou aturuxo emitido colectivamente polos vecinos, mentres se erguen e se poñen en crequenas repetidas veces.

A Real Academia de Belas Artes Nuestra Sra. Del Rosario concedeulle a Medalla de Ouro Marcial del Adalid ó Mérito Folklórico e o coro Cántigas da Terra nomeouno socio de onra da súa asociación. Actualmente o seu legado musical está depositado no arquivo da citada agrupación, que conserva aínda una zanfona doada polo clero de Cesullas. Faleceu o 7 de abril de 1978.

María Baña Varelaz

ImageAínda que nacida nos casais de Vilariño o 10 de xaneiro de 1906, a poetisa popular María Baña Varela botou raíces no lugar de Neaño. Alí fundou a casa familiar na compaña do seu home Xusto Cousillas Castro. As ocupacións de muller labrega desde nena non lle deixaron ir á escola, de aí que a escrita era para ela tema vedado. Non obstante, a súa cabeciña non paraba en compoñer poemas que gardaba memoria. Chegaría a manifestar a un medio de comunicación da comarca que ela “pensaba en copla”.

Co tempo deu en aprender malamente a escribir para deixar por escrito os poemas que tiña gardados na cabeza. Calquera tipo de folla valíalle para pasar a letra os seus versos. A súa propia vida, á da súa familia e a dos seus veciños, ás veces en ton serio, ás veces con carga humorística son as principais liñas temáticas da súa obra. En 1998, o Concello de Cabana de Bergantiños publicou, postumamente, a obra inédita de María Baña e instituiu o Certame de Poesíe para a Xuventude María Baña. María Baña, xunto con Asunción Antelo e Hermosinda de Tabuído forman a tríada de poetisas populares que non tiveron vergoña de seren mulleres escritoras.

Manuel Lema Otero

ImageO pintor Naiff de Borneiro. Nado o 4.06.1916 e falecido o 06.08.1991.

Manuel Lema Otero é a persoa máis singular da parroquia cabanesa de Borneiro por varios motivos. Por ser home de moitos oficios: labrador, carpinteiro-encofrador, emigrante, pintor, inventor, vendedor de pitos e pensos, escavador no castro A Cidá. Por ser persoa de varios nomes: Manuel do Monte, o Home dos Pitos. E por ser o pintor e inventor máis famoso de todo Cabana de Bergantiños.

Moi pouca xente da redonda sabía que Manuel do Monte pintaba, cando, no ano 1981, gañou o primeiro premio (dotado con 200.000 pesetas) do Concurso de Arte Naif ou Inxenuísta convocado pola Fundación Pedro Barrié de la Maza. Contaba daquela con 65 anos. A este certame pictórico presentáranse 575 obras e Lema Otero, das dez que depositara a concurso, saíu vencedor con “La Batalla del Ebro” e metera outras dúas na final.

Outra das facetas creativas de Manuel do Monte foi a de inventor. Tamén de cativo, cos amigos da aldea, comezou a elaborar todo tipo de aparellos. Un dos primeiros foi o sistema para conseguir metano a partir de esterco con tubos de barro. Andando os anos, saíron do seu maxín o libro das quinielas, xoguetes articulados, moldes para capiteis, termómetros de fornos, sistemas de alarmas contraincendios ou a bomba de auga sen gasto de enerxía. Os inventos de máis sona, e que conseguiron patente, foron a tella plana e a incubadora dos pitos. Este último artiluxio deulle de comer durante moito tempo, dado que se dedicou a comercializar crías de galiñas por todas as aldeas da Costa da Morte, de aí que nalgúns lugares se coñecese co nome de “O Home dos Pitos”. Vémolo con dous dos seus fillos.

Colaborador: Xosé María Varela

ImageEspecialista en actividade social, é o presidente dunha desas asociacións que realmente dinamizan a Costa da Morte: Asociación Montebranco do Couto, que pon Ponteceso no centro do país ano tras anos co Festiletras. Está sendo unha das pezas claves do rexurdir da cultura tradicional na nosa bisbarra e en todo o país. Varios exemplos é o seu traballo pola recuperación da figura do regueifeiro, o a creación do roteiro de Pondal, idea que partíu da súa cabeza.