Nós tampouco queremos peaxes

Outra vez o poder político esquécese da Costa da Morte. Nas (boas) novas sobre a supresión de peaxes na ponte de Rande e A Barcala, non se menciona de ningunha maneira o caso da autopista AP-55. Semella que, outra vez, a AG-55 volve a quedar fóra dos acordos sobre supresión de peaxes.
Para quen non o saiba, a AP-55 une A Coruña e Carballo, pasando por Arteixo e Laracha, e é a principal vía de comunicación de toda a Costa da Morte coa capital da provincia, A Coruña.
Teoricamente existe unha alternativa gratuita, a AC-552, pero actualmente esta estrada é unha longa travesía que atravesa todos os núcleos urbáns que se atopan entre A Coruña e Carballo. Por elo, os habitantes e visitantes desta bisbarra teñen que coller (e pagar) case obligatoriamente a AG-55.
Dende hai moito tempo, pero de maneira especial despois da catástrofe do Prestige, prometeuse a supresión da peaxe desta autopista. Evidentemente, esos tempos non son chegados, e polo que semella, aínda teremos que pagar moitas veces esa roñosa peaxe.
Esperamos e esiximos que os políticos da zona reivindiquen firmemente esta promesa que ven de lonxe pero que o actual governo galego asumiu como propia. Pero non só eles teñen a responsabilidade, todos debemos protestar e unir a nosa voz para conseguir esas melloras. Recordemos que a supresión das peaxes de Rande e A Barcala non foi sinxela, e moita xente loitou para que non se deixara de escoitar este tema.
Ata se recolle esta loita na exposición conmemorativa dos 25 anos da ponte de Rande.
Repitamos o noso mantra: O que non chora, non mama.
