Sempre pensei que esa ecuación era correcta. O acceso do cidadán a información, a posibilidade de opinar sobre os temas de interés de cada tempo e a rapidez coa que se poden difundir as opinións, fan posible unha democracia máis real.
No noso eido faise difícil atopar exemplos concretos, e mira ti onde o vou achar: na sucesión de Don Manuel.
Fai pouco tiven coñecemento de www.sucesion.net, onde se sigue día a día o proceso de sucesión do líder do PP de Galiza.
Nos últimos días encontrei outro foro sobre o tema. E tamén coñecín a existencia dunha bitácora que o trata dende a perspectiva coruñesa.
Mentres, como contraste, o estado da Web institucional mostra a parálise que o aparato do partido ten neste momento.
Alédome moito que os afiliados e seguidores de base do PP tomen a iniciativa e falen e discutan sobre algo tan importante para o seu partido. Quizais polo de agora esas voces non teñan toda a repercusión que deberían no proceso sucesorio a Fraga, pero xa é un avance con respecto o debate tradicional.
Eso si, hai cousas que nin sequera internet pode cambiar, como é o escaso uso que a base do PP fai do galego.
Actualización 18 de Novembro de 2005: Os candidatos empezan tamén a ter en conta internet. Acaba de sair a luz a web do candidato á presidencia do PPdeG Xosé Luis Barreiro.