Asemblea xeral de Neria

O pasado xoves día 22 de Marzo celebrouse a Asamblea Xeral da asociación Neria. Tamén estaba convocada unha Asamblea Extraordinaria que non se chegou a realizar por falta de quórum.
Neria é unha institución supramunicipal na que están representados concellos, institucións, persoas xurídicas e persoas físicas de 12 concellos: Cabana, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Laxe, Mazaricos, Muxía, Vimianzo e Zas.
Aínda que non abarca todos os concellos que tradicionalmente se engloban no que se chama a Costa da Morte, é a entidade máis representativa desta bisbarra.
Realmente non hai ningunha entidade que represente a toda a Costa da Morte. Nin sequera hai unha comarca que a abrangue completamente. A comarca de Fisterra abrangue os concellos de Fisterra, Cee, Corcubión, Muxía e Dumbría; e a de Terra de Soneira abrangue Camariñas, Zas e Vimianzo. Ademais, hai concellos da Costa da Morte nas comarcas de Muros (con Carnota e Muros) e na do Xallas, na que están Santa Comba e Mazaricos. Por elo, a importancia que ten Neria como primeiro paso para unha xestión conxunta do territorio da Costa da Morte.
Na Asemblea Xeral do outro día aprobáronse as contas do ano pasado e se aprobou o orzamento desta. Tamén se aprobou unha viaxe a Madrid do presidente de Neria e os alcaldes de Cee e Corcubión para falar cos responsables de facenda sobre a posible pérdida de funcións da oficina de facenda en Cee.
A asemblea terminou cun pequeno turno de rogos e preguntas onde se falou do lamentable estado da estrada AC-552 e o alarmante abandono de gran parte do patrimonio histórico da zona. A dirección falou das medidas que se adaptaron sobre os dous temas, sen profundizar demasiado na cuestión.
Máis interesante semellaba a asemblea extraordinaria, xa que se pretendía cambiar nela os estatutos para, segundo explicou a dirección, permitir que máis concellos se asocien a Neria e así a entidade represente a toda a Costa da Morte. Pero a falta de asistentes impedíu a súa celebración, polo que haberá que esperar unha nova ocasión para tratar este tema tan importante para o futuro da nosa bisbarra.



