Abril 5, 2006

Trofeo Conde de Fenosa na ría de Corcubión

Arquivado sob: Ilusión and Corcubión and Deportes na bisbarra and Cee at 3:21 pm Comments Off

Ría de Corcubión e Cee

Os días 22 e 23 de Abril celebrarase nas augas na ría de Corcubión e Cee o Trofeo Conde de Fenosa de Bateis.

Este trofeo é a proba máis importante a nivel autonómico e leva celebradas 21 edicións. Esta é a primeira vez que se celebra en augas da Costa da Morte, grazas ao esforzo organizativo do Clube de Remo Furacán de Corcubión.

Seguro que está non será a última vez que unha regata deste tipo vaise celebrar na ría de Corcubión, xa que esta enseada é un campo de regatas natural perfecto, ademais de belísimo. Se o tempo non o impide, o espectáculo promete ser grandioso.

Así conta esta nova a prensa galega.

Março 19, 2006

O Novo Estatuto para Galiza

Arquivado sob: Ilusión and Corcubión and Actos institucionais at 5:42 pm Comments Off

Presentación da proposta de Estatuto para Galiza do BNG

Onte na Casa da Cultura de Corcubión presentouse a proposta de Estatuto para Galiza do Bloque Nacionalista Galego. Para elo, estiveron xunto o ex-alcalde e representante do BNG en Corcubión Rafael Mouzo, Lois Blanco e Carlos Aymerich, ademais de outro membro do bloque que non puiden recoñecer (ignorante de min).

O acto encheu unha das salas da Casa da Cultura de Corcubión, o que parece demostrar o interese que unha iniciativa deste tipo ten na ciudadanía. Ademais, o público tivo unha asistencia activa, participando no debate posterior as verbas dos diferentes membros do bng. Nesa quenda de preguntas tratáronse varios temas de interese para a bisbarra, como a situación do suministro eléctrico ou a organización territorial que propón o estatuto.

Antes de que o ruido mediático nos roube á sociedade a capacidade de debate sobre o noso estatuto, é moi importante que os grupos políticos tomen nota sobre os temas que nos interesan os cidadáns e enfoquen o debate en función del. Por tanto, como fai neste tipo de actos o BNG, pedimos que os outros partidos mostren cales son as súas ideas e prioridades para o novo estatuto, e escoiten o que o povo quere dicir.

Ese é o tipo de diálogo que fai que funcione unha democracia participativa como a nosa.

Março 6, 2006

Festa do Bolo do Pote

Arquivado sob: Ilusión and Festas e tempo de lecer and Mazaricos and Gastronomía at 7:06 pm Comments Off

VII edición da Festa do bolo do Pote

Cociñeiras de Mazaricos traballando

O domingo foi un día moi agradable en Mazaricos. A celebración da VIII edición da Festa do Bolo do Pote encheu a Picota e o resto do concello de xente desexando probar esa comida tan tradicional.

Non sei como foron as anteriores edicións, pero semella que este certame xa está ben consolidado. Dende aquí mandamos unha felicitación a quen se lle ocorreu esta festa que pon en valor outra costume tradicional.

O Bolo do Pote, para os que non o coñezan, é un bolo feito con fariña de millo mesturada con fariña de centeo para darlle máis consistencia. Tamén se lle pode botar algo de touciño ou chourizo para darlle máis sabor. Unha vez compactada a masa, introdúcese o bolo no caldo do cocido, collendo así todo o seu sabor. E soe comerse xunto o cocido.

Nesta VIII edición fíxose unha degustación deste manxar na praza da Picota. Eso si, a degustación apenas durou media horiña pola cantidade de xente que ateigaba a praza.

Os restaurantes da zona uníronse a festa preparando un menú con cocido xunto o bolo polo módico prezo de 10 euros. Nós disfrutamos deste menú en Casa Jurjo, onde nos trataron realmente ben.

E que mellor para completar esta xornada en Mazaricos que admirar a grande cantidade de cabalos que se acercaron ata a Picota para unha exhibición ecuestre. Para un ex-urbanita, esta combinación de cabalos e boa comida é un auténtico luxo.

Así conta a Festa do Bolo do Pote a prensa de hoxe.

Fevereiro 22, 2006

Proxecto Mar de Lira

Arquivado sob: Ilusión and Lira and Carnota and Pesca at 9:35 pm Comments Off

Porto Cubelo en Lira

Porto Cubelo, porto pesqueiro de Lira

Para a primeira entrada con contido de esta bitácora, que mellor que falar do proxecto máis ilusionante que atopamos en toda a Costa da Morte: o proxecto Mar de Lira

Este proxecto é unha iniciativa que nace na Confraría de pescadores de Lira co obxectivo de dinamizar o contorno social da súa comunidade pescadora e dar a coñecer a complexidade do mundo da pesca e do mar ao conxunto da sociedade. É dicir, pretenden dignificar e facer sostible a actividade pesqueira tradicional.

Dentro do proxecto, crearon o que eles chaman turismo mariñeiro, actividade destinada a aquelas persoas que desexen vivir unha xornada de pesca con mariñeiros deste porto.

Onte, o Presidente do Governo Galego, Emilio Pérez Touriño, estivo en Lira e apoio o proxecto de reserva marina que propón a cofradía de Lira.

Ese plan pretende crear en Lira un área de resguardo dos recursos marinos, co obxetivo de protexer as zonas de reproducción, os caladeros de pesca e os núcleos de repoblación mediante sistemas de xestión baseados nunha explotación sostible.

Estamos totalmente dacordo en que hai que buscar vías diferentes e imaxinativas para facer rendibles as actividades económicas que pouco a pouco están deixando de selo. E neste proxecto, o que nunca faltou foi traballo e imaxinación. Esperamos que as institucións públicas apoien e fagan que a partir de agora non falten os cartos.

Felicidades para Lira (e Carnota, por suposto) e toda a xente que traballa neste proxecto. Sobretodo queremos facer unha mención especial a Emilio Louro, Milucho, alma-mater de este proxecto e unha das persoas máis excepcionais que un tivo a sorte de coñecer na súa vida.