Março 6, 2006

Festa do Bolo do Pote

Arquivado sob: Ilusión and Festas e tempo de lecer and Mazaricos and Gastronomía at 7:06 pm Comments Off

VII edición da Festa do bolo do Pote

Cociñeiras de Mazaricos traballando

O domingo foi un día moi agradable en Mazaricos. A celebración da VIII edición da Festa do Bolo do Pote encheu a Picota e o resto do concello de xente desexando probar esa comida tan tradicional.

Non sei como foron as anteriores edicións, pero semella que este certame xa está ben consolidado. Dende aquí mandamos unha felicitación a quen se lle ocorreu esta festa que pon en valor outra costume tradicional.

O Bolo do Pote, para os que non o coñezan, é un bolo feito con fariña de millo mesturada con fariña de centeo para darlle máis consistencia. Tamén se lle pode botar algo de touciño ou chourizo para darlle máis sabor. Unha vez compactada a masa, introdúcese o bolo no caldo do cocido, collendo así todo o seu sabor. E soe comerse xunto o cocido.

Nesta VIII edición fíxose unha degustación deste manxar na praza da Picota. Eso si, a degustación apenas durou media horiña pola cantidade de xente que ateigaba a praza.

Os restaurantes da zona uníronse a festa preparando un menú con cocido xunto o bolo polo módico prezo de 10 euros. Nós disfrutamos deste menú en Casa Jurjo, onde nos trataron realmente ben.

E que mellor para completar esta xornada en Mazaricos que admirar a grande cantidade de cabalos que se acercaron ata a Picota para unha exhibición ecuestre. Para un ex-urbanita, esta combinación de cabalos e boa comida é un auténtico luxo.

Así conta a Festa do Bolo do Pote a prensa de hoxe.