
The Cocktail Analysis publica hoxe no seu blog os resultados sobre o segundo Observatorio de Redes Sociais entre os internautas españois, no que analizan a evolución das comunidades e redes sociais, así como os hábitos e actitudes cara a elas.
Do estudo, que na miña opinión arroxa datos cuantitativos moi interesantes, quedo cunha sensación de «quédanos moito traxecto aínda por percorrer», pero prefiro quedarme con algunhas ideas como as que seguen:
- O Messenger móstrase como a ferramenta de comunicación máis utilizada (o 68% dos internautas úsano) de aí o grande interese tanto de Facebook como Tuenti por captar aos seus usuarios fomentando o uso do seu chat integrado nas súas plataformas.
- A publicidade nas RRSS non só non molesta, senón que 1 de cada 3 considéraa «interesante ou divertida», o que favorece a súa posterior difusión entre os seus contactos.
- O 62% dos internautas enquisados xa accederon a Internet Movil, e a metade fíxoo para entrar en redes sociais.
- Afiánzase o uso de Facebook como a plataforma de referencia á hora de buscar información acerca dunha marca: o 40% de usuarios utilizaron algunha vez a rede para esta fin.
- Xa hai máis mulleres en Facebook e nos Spaces (de live.com), mentres que no resto de redes o número de usuarios masculinos é maior.
Deixámosvos a continuación a presentación de todos estes datos para que vós mesmos poidades extraer as vosas conclusións.













