
Se xa Tim Berners-Lee (o pai das www) intentou desde o principio incluír informacion semántica nas páxinas daquel entón, podémonos facer unha idea do importante (e ao mesmo tempo difícil) que debe ser alcanzar esa utópica Web 3.0, na que se comparte protagonismo coa intelixencia artificial ou a Web 3D por citar algúns palabros que chaman a atención, como pouco.
A idea de que a información poida ser avaliada automaticamente por máquinas debería darnos unha idea do que suporía a efectos prácticos tanto en tempos de procura, de organización e de procesamento da información. Na miña opinión, sen dúbida sería un cambio estrutural na forma en que traballamos conectados hoxe en día.
E digo sería, porque aínda que o W3C creou xa o grupo de traballo de RDFa, teño a impresión de que as cousas van moito máis lentas do que eu mesmo imaxinaba hai xa dous anos cando asistín a unha charla con moi boas intencións organizada pola USC, e na que xa se falaba dos RDFs como algo inminente.
Quizais é que non teño paciencia, e dous anos parécenme moitos para tanta expectación creada. Aínda así, sigo crendo que por aí deberían ir os tiros, aínda que máis que tiros parezan dardos…













